A Xunta adxudica a segunda fase dos traballos por 30.000 euros
A Xunta acaba de adxudicar a segunda fase de restauración do reloxo mecánico do século XVIII e do campanario do mosteiro de San Clodio, en Leiro. Cun orzamento de 30.000 euros, os traballos suporán unha mellora estrutural deste ben cultural e artístico. O proxecto enmárcase dentro da colaboración que a Consellería de Cultura mantén coa Diocese de Ourense.
A intervención terá unha duración máxima de tres meses e con ela, dáse continuidade aos traballos realizados pola Xunta no 2017, nunha primeira fase. Naquel momento retirouse a capa de óxido que cubría o campanario. Agora a restauración centrarase no reloxo, que aínda funciona pero ao que se agarda devolver a súa funcionalidade sonora.
Os traballos que se iniciarán nas próximas semanas manterán o principio mecánico que caracteriza aos reloxos históricos, pero evitarán o incremento do tamaño de pésalas e o desgaste da maquinaria. Tamén se prevé quitar as campás das horas e dos cuartos da súa estrutura para actuar sobre elas.
© La Voz de Galicia (2020) © Campaners de la Catedral de València (2024) campaners@hotmail.com Actualización: 11-05-2024 |